En que che podemos axudar?

En qué che podemos axudar?

A Fundación Autismo Coruña traballa exercendo a tutela das persoas con autismo cuxa capacidade foi modificada xudicialmente e que carecen de familiares que poidan desempeñar esta responsabilidade.

Co fin de garantir o control da calidade de vida e benestar da persoa tutelada, a Fundación Autismo Coruña non presta servizos residenciais, laborais, educativos, etc.; e non o fai porque entende que o mellor exercicio da tutela esixe a independencia necesaria do titor para actuar como un usuario ben informado e esixente respecto dos recursos e apoios que se prestan aos seus tutelados. Esta independencia perderíase se as fundacións tutelares se dedicasen a tutelar e a prestar servizos asistenciais simultaneamente, converténdose en xuíz e parte.

A Fundación Autismo Coruña procura establecer unha comunicación fluída con estas asociacións, que se concreta, como elemento e ferramenta esencial, en Plans Centrados nas Persoas.

A nosa forma de entender a tutela abrangue 3 dimensións fundamentais:

A nosa misión céntrase, por unha banda, en garantir unhas condicións de vida dignas e suficientes para todas as persoas tuteladas, cos apoios e servizos precisos para a súa mellor calidade de vida. Doutra banda, céntrase nas relacións afectivas, como dimensión clave da calidade de vida, a través do traballo profesional realizado cun estilo próximo e sensible, fortalecendo as competencias persoais e sociais e mais as relacións, así como fomentando o establecemento de novos vínculos.

Abordamos, por un lado, a participación activa das persoas tuteladas en todos aqueles ámbitos comúns á vida cotiá dos cidadáns (ocupacional, educativo, laboral, lecer e tempo libre…) promovendo a súa máxima inclusión en contornos comunitarios; por outro, a coordinación dos apoios e servizos que reciben e a representación legal e defensa dos seus intereses, sempre coa perspectiva de contribuír ao máximo para que participen na sociedade como cidadáns e cidadás de pleno dereito.

Céntrase no rigor, a eficiencia, a transparencia e o bo facer na administración dos bens dos nosos tutelados, realizando anualmente a rendición de contas do seu patrimonio ante a institución de xustiza que corresponda.

Outros servizos levados a cabo pola Fundación Autismo Coruña, ademais do exercicio tutelar, son:

O 88 % das persoas con autismo atendidas pola Fundación Autismo Coruña teñen a súa capacidade de obrar modificada xudicialmente, o que significa que non poden exercer os seus dereitos e obrigas por si mesmas.

Debido a esta situación de vulnerabilidade, cómpre ter planificado o futuro destas persoas e, xa que logo, ter previsto un titor para o caso de que os familiares directos non se poidan facer cargo desta responsabilidade.

Dadas as dificultades desta decisión, a Fundación préstalles servizos de asesoramento xudicial aos familiares a través dun avogado; este aconséllaos e infórmaos sobre o modo de proceder necesario para asegurar o futuro dos seus fillos e fillas en todo momento.

Somos a primeira entidade á que acoden os pais das persoas con autismo despois de que lles comunicaron o diagnostico dos seus fillos.

Este é un momento moi delicado no que os pais están a pasar por infinidade de emocións, tratando de aceptar o cambio que se vai producir nas súas vidas.

Por iso, a Fundación Autismo Coruña, a través da súa traballadora social, ofrécelles un servizo de información e asesoramento acerca dos recursos de carácter público e privado que están á súa disposición.

Do mesmo xeito, a Fundación conta cun avogado para resolver todas as dúbidas que poidan xurdir en materia xudicial.