Servizos

Servizos

Para poder cumprir coa finalidade para a que foi creada, a Fundación Autismo Coruña ten estruturadas as súas accións en tres grandes programas nos que se recolle unha intervención globalizada da persoa con autismo e a súa familia ao longo de todo o seu ciclo vital.

fundacion_autismo_coruna_servicios_ejercicio_tutelar

Exercicio tutelar

Atención integral e personalizada dos nosos tutelados.

fundacion_autismo_coruna_servicios_planificacion_de_futuro

Planificación do futuro

Información e asesoramento. Xornadas de formación.

fundacion_autismo_coruna_servicios_asesoramiento_social_juridico

Asesoramento social e xurídico

Servicio de atención xurídica. Servizo de atención social (carné de recursos).

O día que os pais faltemos, os nosos fillos precisarán de alguén que os protexa. De alguén que vele polos seus intereses. De alguén que se preocupe polas súas relacións persoais e afectivas. En definitiva, de alguén que lles garanta unha calidade de vida plena.

Por iso, os pais creamos a Fundación, para dar resposta a esta inquietude acerca do futuro dos nosos fillos.

A nosa Fundación ten como finalidade o exercicio da tutela das persoas con autismo, velando polo cumprimento de todos os dereitos dos nosos tutelados, do mesmo xeito que o fan un bo pai ou nai de familia.

Este programa cobra cada vez máis relevancia, pois o número de pais e nais en idade avanzada faise cada vez máis patente, precisando da axuda doutros familiares ou institucións tutelares que velen pola protección e intereses dos seus fillos.

A atención integral e personalizada dos nosos tutelados é o piar fundamental deste servizo. Para iso, a nosa Fundación conta con profesionais cunha longa experiencia en temática tanto xurídica como social.

Este labor abarca tres grandes áreas:

Área xurídica

Reunións coa Fiscalía da poboación onde residan os nosos tutelados; presentación e rendición de contas do tutelado perante o Xulgado de Primeira Instancia con periodicidade anual; aprobación por parte do Xulgado das contas anuais presentadas; partición da herdanza; contestación aos requirimentos xudiciais e exercicio da representación xurídica en todo acto.

Área social

Visitas e acompañamento periódicos aos tutelados; intervención e apoio social e afectivo; entrevistas co persoal do centro residencial e supervisión da atención prestada; compra de roupa e complementos necesarios; xestión e tramitación de documentos e fomento da súa integración e participación plena en todos os ámbitos.

Área económica

Xestión bancaria; remesas mensuais de gastos no centro residencial; xestión de obrigas tributarias e fiscais; trámites financeiros para a obtención do máximo rendemento e administración da renda e o patrimonio de acordo coas obrigas xudiciais.

Que será dos nosos fillos cando nós faltemos? Esta é a gran preocupación que día tras día temos os pais e nais das persoas con autismo. Pensar no mañá é unha cuestión vital para nós.

Entendemos a preparación para o futuro como un signo de responsabilidade e de previsión, fundamental no proxecto de vida dos nosos fillos.

Dende a Fundación ofrecemos un servizo de asesoramento e información e axudamos a organizar e planificar o porvir dos nosos fillos cando os pais e nais, os seus apoios naturais, faltemos. Prestamos un servizo especializado de asesoramento sobre cuestións legais, xurídicas e testamentarias.

Formamos as familias en temática xurídica e social a través de xornadas onde profesionais do ámbito de que se trate comparten con elas os seus coñecementos e resolven todas as súas dúbidas.

A intervención coas familias das persoas con autismo pretende acompañar a toda a unidade familiar atendendo cada unha das súas necesidades e demandas e facilitando os apoios necesarios para mellorar a calidade de vida e o benestar de cada un dos membros.

Traballamos dende a súa propia contorna, tendo sempre en conta a rede social, establecendo unha estrutura sólida e ofrecendo unha total cobertura á familia obxecto da intervención.

Asesoramiento social

Coa Lei de autonomía e atención á dependencia, que entrou en vigor de forma gradual a partir do 1 de xaneiro do 2007, todas as persoas con autismo que non se poidan valer por si mesmas entrarán a formar parte deste sistema que lles garante o acceso a servizos sociais específicos, ademais dos xerais recollidos pola Lei dos servizos sociais de Galicia e as respectivas normativas de desenvolvemento de ambas as leis.

Dende a Fundación realizamos un seguimento pormenorizado desta normativa, do seu desenvolvemento e da súa implantación.

A través do noso carné de recursos, o noso departamento de traballo social leva a cabo o seguimento de todos os expedientes ata a súa completa resolución… acláranse dúbidas, mantéñense contactos telefónicos e entrevistas co Órgano Xestor de Dependencia da Xunta de Galicia e diríxese a coordinación cos traballadores sociais dos distintos concellos, exercendo en todo momento de interlocutor entre cada unha das familias e a Administración pública.

A través deste programa ofrecémoslles información, asesoramento e orientación a todas as familias de persoas con autismo, facilitándolles o acceso ao sistema de recursos sociais (certificado de discapacidade, familia numerosa, valoración de dependencia, prestación familiar por fillo a cargo, e bolsas MEC) e sanitarios (réxime sanitario).

Estudamos as necesidades concretas —que varían en función da idade da persoa con autismo— e apoiamos a cada familia para un mellor uso e aproveitamento dos recursos existentes.

  • Idade temperá: acollida, acompañamento e apoio na entrada ao sistema de Servizos Sociais.
  • Idade escolar: información, orientación e seguimento.
  • Idade adulta: preparación e asesoramento para o futuro.

Asesoramiento xurídico

A Fundación Autismo Coruña dispón dun avogado que asesora as familias das persoas con autismo sobre a tramitación dos expedientes de pretutela e tutela; modificación da capacidade de obrar; planificación do futuro dos seus fillos ou fillas facendo constar esta nas disposicións testamentarias, e, en resumo, resolvendo as dúbidas que ás familias lles poidan xurdir en relación á situación de dependencia do seu familiar con trastorno do espectro do autismo.

Ademais, inclúense consultas referentes á diversidade funcional ou discapacidade; ao sistema de atención á dependencia; procedementos de xurisdición voluntaria; disposicións testamentarias e sucesións en xeral; patrimonios protexidos; delitos de odio ou outros dos que poidan ser vítimas as persoas con trastorno do espectro do autismo, e outros aspectos específicos máis directamente relacionados con estas persoas e situacións.

O asesoramento xurídico entende e respecta os valores da Fundación en xeral e, en particular, establece unha adecuada relación para recibir e transmitir adecuadamente todas as dúbidas e as súas respostas de maneira individualizada, adaptada e comprensible para as persoas destinatarias.

Dende o servizo de asesoramento xurídico efectúanse as derivacións oportunas e ofrécese a información dispoñible cara aos recursos públicos e privados existentes susceptibles de prestaren unha axuda máis intensa (asesorías xurídicas de organismos públicos e de entidades da discapacidade; servizos de orientación dos colexios de avogados; quendas de oficio; órganos xurisdicionais e oficinas do Ministerio Fiscal; órganos de supervisión e fiscalización como o Consello Nacional da Discapacidade, o Valedor do Pobo ou outros), sen prexuízo de que se poidan efectuar xestións directas con eles.

Finalmente, a Fundación, a través da súa asesoría xurídica, facilitará orientación básica a calquera entidade relacionada co trastorno do espectro autista e poñerá á disposición da sociedade en xeral, a través da súa biblioteca física ou, en especial, virtual, recursos de interese xeral para abordar os ámbitos e contidos detallados neste servizo de asesoramento.